Monday 06 de May de 2024

Rey destaca o fito que supuxo ser a primeira institución pública que aprobou izar a bandeira galega


Co gallo do centenario do izado da bandeira galega, o Pazo Municipal acolle unha mostra que conta cun módulo de banda deseñada que permite entender o nacemento e a evolución da bandeira galega  

A alcaldesa, Inés Rey, inaugurou esta tarde en María Pita a exposición “1921-2021. 100 anos da bandeira galega no Pazo Municipal”, comisariada por Manel Cráneo e Henrique Torreiro.

A mostra conta cun módulo de banda deseñada histórica realizada por Manel Cráneo e Manuel López Poy, e debuxada por Alberto Taracido e Rubén Rial.

Trátase dun cómic en dous actos que permite entender o nacemento e a evolución da bandeira galega desde finais do s. XIX ata 1921, ano no que se iza por primeira vez nunha institución.

Durante o acto, a alcaldesa lembrou que Concello da Coruña foi a primeira institución pública en Galicia que aprobou izar a bandeira galega o 25 de xullo de 1921, estando ao frotne o alcalde republicano Antonio Lens Vieira. “Un capítulo histórico do que podemos presumir os coruñeses e coruñesas e que supón un bo exemplo do que a nosa cidade achegou sempre a Galicia”, dixo.

A primeira chegada da bandeira a un edificio institucional, recalcou, foi un acontecemento que marcou un punto de luz e esperanza para gran parte da comunidade galega nunha época de crise, de conflitos bélicos coloniais e de axitación política. Para Rey, a mostra aproxímanos a este fito histórico para lembrarnos que o comezo  do uso da bandeira como elemento identitario da nosa cultura ten relación directa coa cidade da Coruña.

Para completar a proposta expositiva, unha selección de ilustradores e ilustradoras, a plataforma Coruña Gráfica, ofrecen a súa homenaxe artística de xeito desenfadado e actual.

A alcaldesa subliñou que o panorama da ilustración e da banda deseñada na cidadeda Coruña medra desde hai anos en autores e autoras e en calidade. “Desde o Concello da Coruña hai un interese permanente en potenciar este sector profesional con eventos como o Viñetas desde o Atlántico e Coruña Gráfica”, dixo.

Os participantes desta mostra son unha escolma do gran panorama profesional do que gozamos e renden homenaxe con estas obras a un fito da historia de Galicia pouco coñecido, o do nacemento da bandeira galega, que está vencellado á cidade.

.Facer esta homenaxe a través dunha selección de creadores gráficos vencellados á cidade é tamén un xeito de presumir do noso potencial artístico e de continuar facendo esta posta en valor, unha aposta en firme polo talento local”, subliñou.